RIBEIRA > O alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, vén de ordenar a intensificación da vixilancia policial ante o incremento dos actos vandálicos rexistrados no municipio. Estas actuacións consisten principalmente en agresións contra o mobiliario urbano e queima dos colectores de lixo. Tanto o executivo como a policía local solicitan a colaboración cidadá para poñer fin a este tipo de feitos que supoñen un importante gasto para as arcas municipais.
Ó longo do 2005 rexistráronse no municipio un total de 56 actos vandálicos. As zonas máis afectadas foron Aguiño, a carón do grupo escolar e na estrada xeral; Corrubedo, na estrada xeral e na Rúa da Fonte; as Rúas do Norte e Canle en Palmeira e a Avenida da Coruña e a Praza de Pontevedra de Ribeira.
Este incremento das agresións contra os bens municipais motivou a alarma dos veciños e do propio concello que vén de determinar o aumento da vixilancia policial nestas zonas. Así mesmo, os axentes están a traballar na investigación dos feitos para intentar localizar ós seus autores.
Nesta tarefa é fundamental a colaboración veciñal polo cal, o executivo solicita ós residentes que faciliten as labores da Policía nas pesquisas para a identificación dos culpables.
Ademais da importante repercusión social destes actos, que poñen de manifesto tendencias violentas cada vez máis externdidas, o concello insiste nas consecuencias económicas posto que a reparación do mobiliario urbano supón un cargo importante para o erario público.
Redacción Barbanza