En Marea consolídase como segunda forza no Barbanza

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/21/resultados_electorais_barbanza_2112151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/12decembro/21/resultados_electorais_barbanza_211215.mp4{/flowplayer} BARBANZA> Tamén na provincia da Coruña, En Marea irrompe como segunda forza por detrás do PP que segue como lista máis votada a pesar de perder dous escanos. O PSOE baixa pero logra manter os dous representantes cos que contaba e Ciudadanos consegue o seu único deputado en Galicia. Pola contra, Nós Candidatura Galega non acada representación. Importante retroceso na provincia da Coruña para o Partido Popular, con cento quince mil votos menos, co que perde dous dos cinco escanos obtidos en 2011. A gran beneficiada é a coalición liderada por Podemos que acada dous deputados e supera en votos ós socialistas que conseguen manter a dous representantes no Congreso. Nós Candidatura Galega non logra revalidar a acta que viña ostentado o BNG mentres que Ciudadanos si acada un representante pola provincia. Panorama case idéntico ó da comarca do Barbanza onde a caída do PP é xeralizada aínda que segue a ser a lista máis votada en tódolos municipios. En Marea relega ó Partido Socialista a terceira forza que tan só consigue manterse como segunda opción en Lousame. A coalición integrada por Podemos, Esquera Unida e ANOVA acada excepcionais resultados na maior parte dos concellos, especialmente na Pobra, onde quedaron a tan só vinte e oito votos dos populares. A caída popular no Congreso non se traduce na cámara alta, onde o PP acada os tres senadores e o PSOE cede o representante con que contaba a favor de En Marea. Os candidatos barbanzáns, Xosé Luís Torres Colomer e Isaac Maceiras, contaron con gran respaldo do electorado na comarca. Compartirán acta na cámara alta ocupando o escano dous anos cada un ó longo desta lexislatura.