PONTEVEDRA> A sanidade pública galega prepárase para afrontar o verán. Dende Pontevedra, o conselleiro asegurou que a asistencia estará garantida estos meses a pesares da falta de médicos. Julio García Comesaña recordou que non se cubren as vacacións de facultativos porque non hai substitutos. En canto á pandemia, García Comesaña asegurou que evoluciona segundo o previsto, con aumento de casos de covid19 pero sen gravidade.
Este verán, o Servizo Galego de Saúde tampouco cubrirá as vacacións dos seus médicos. Unha situación que, insisten dende a Consellería de Sanidade, deriva da falta de profesionais para as substitucións.
García Comesaña reiterou que faltan médicos. Volveu reclamar ao Ministerio de Sanidade que habilite máis prazas de formación.
Ademais da falta de médicos, outra das polémicas que cada verán se dá nos servizos sanitarios do Salnés é o traslado da ambulancia medicalizada de Vilagarcía a Sanxenxo. Unha decisión que o conselleiro defendeu en base ao incremento da demanda.
En canto á situación da pandemia en Galicia, o responsable de Sanidade asegurou que está a evolucionar segundo o previsto. Aínda que se deu un incremento de casos, non se rexistran pacientes especialmente graves.
A día de hoxe hai 613 pacientes con coronavirus hospitalizados en toda Galicia e 22 nas Unidades de Coidados Intensivos.