O executivo noiés realiza novas melloras nos filtros da ETAP

NOIA> Con estas obras o que se pretende é seguir corrixindo os problemas de turbidez na rede de abastecemento de auga de cara mellorar o servizo que se lle presta ós veciños.

O Concello noiés segue a dar os pasos necesarios de cara a mellora da calidade do abastecemento de auga e eliminar os problemas de turbidez que en moitas épocas do ano, principalmente no inverno, se daban nos domicilios do municipio. Despois de ter realizado anteriormente outras actuacións, estes días iniciáronse unha serie de melloras nos filtros da ETAP. Unhas obras que serán sufragadas polos propios fondos municipais.

O executivo segue a traballar, de xeito paralelo, en colaboración coa consellería de Medio Ambiente, na mellora dos sistemas de captación, capacidade de almacenamento e tamén de potabilización. Unhas actuacións que contan no seu total cun orzamento que se achega ó millón de euros.

Por outra banda o Concello traballa tamén na regularización da captación de auga na zona de Albariza, no río Vilacoba, pendentes dun informe favorable de Augas de Galicia para a súa legalización. Un trámite que impide tamén a aprobación definitiva do Plan Xeral de Ordenación Municipal.