Un traballador dunha canteira falece esmagoado por un bloque de pedra

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/04abril/01/accidente_mortal_caldas.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2014/04abril/01/accidente_mortal_caldas.mp4{/flowplayer} 

 

CALDAS> Accidente laboral en Caldas. Esta mañá, un home de 48 anos falecía mentres traballaba nunha canteira do Monte Xiabre, ó caer bloques de pedra de 80 toneladas de peso sobre a cabina da escavadora que estaba a manexar. As tarefas de rescate do cadáver prolongáronse durante varias horas.

O fatal accidente produciuse ó redor das 10 e media da mañá. Por causas que se descoñecen, varios bloques de grandes dimensións caeron sobre a cabina da escavadora que manexaba a vítima, un home de 48 anos veciño de Moraña. 

Ata o lugar desprazáronse unha ambulancia asistencial e persoal sanitario do Centro de Saúde de Caldas de Reis, pero non puideron facer nada por salvarlle a vida.

O peso das pedras que caeron sobre a escavadora dificultou os labores dos efectivos trasladados ata a canteira. De feito, foi necesario empregar maquinaria pesada para o rescate do cadáver, que se prolongou varias horas.

Os traballos tiveron que realizarse coa máxima precaución, debido ó risco de desprendementos que existe na zona. Ademais da grúa de grandes dimensións, no rescate tamén participaron os Bombeiros do Salnés, a Garda Civil e persoal da propia canteira.