PONTEVEDRA> De novo en Pontevedra, a compostaxe comunitaria chega a Campolongo. O Concello vai instalar catro centros de compostaxe comunitaria neste barrio, co obxectivo de atende-los residuos orgánicos duns 6.000 veciños. Con estes catro novos centros, xunto cos que se acaban de instalar no Castañal, en toda Pontevedra haberá 23 puntos para a compostaxe comunitaria, que suman unha capacidade de tratamento de máis de 1.100 toneladas.
Pontevedra segue avanzando no seu proxecto de compostaxe comunitaria. O Concello vai instalar catro novos centros no barrio de Campolongo. Cada un deles contará con dez módulos. Vanse situar na Rúa Espincelo, en Alcalde Hevia, en Iglesias Vilarelle e en General Rubín. Estas localizacións contan co visto bo da asociación de veciños do barrio.
Os novos composteiros terán capacidade para atende-los refugallos orgánicos de 6.000 veciños da zona. O concelleiro agarda que conten con boa aceptación. De feito, sospeita que han quedar escasos en moi pouco tempo.
A creación destes catro composteiros, xunto cos que se acaban de instalar no Castañal, eleva a 23 o número de puntos nos que deposita-los residuos orgánicos. A capacidade de xestión, deste xeito, supera xa o milleiro de toneladas ó ano.
Os composteiros de Campolongo poderían entrar en funcionamento dentro dun mes. Para daquela tamén hai prevista unha campaña de sensibilización entre os veciños da zona.