O proxecto Aldealix aposta pola biomasa para fomentar a descarbonización e a eficiencia enerxética no rural

CERDEDO-COTOBADE> A bioenerxía en comunidades enerxéticas foi o centro da xornada que se celebrou no concello de Cerdedo Cotobade. Unha cita que reuniu no auditorio municipal a representantes institucionais e expertos forestais e de biomasa, no marco do proxecto Aldealix. Presentouse a Oficina de Asesoramento en Bioenerxía e celebráronse charlas sobre a viabilidade das comunidades enerxéticas e o subministro da biomasa.

O proxecto Aldealix centrou a xornada que se celebrou no auditorio de Cerdedo- Cotobade. Unha programación na que se destacou o potencial da biomasa para potenciar a descarbonización e a eficiencia enerxética no rural.

O proxecto, no que participan a Xera e a Consellería do Medio Rural entre outras entidades, inclúese dentro do Programa Operativo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal. A iniciativa pon en práctica exemplos de abastecemento de enerxía a vivendas e edificios públicos a partir da biomasa forestal, así como a creación de pequenas redes de calor no rural.

O municipio presentou a súa experiencia piloto de comunidade enerxética. Unha iniciativa baseada na biomasa forestal.

Esta experiencia de Cerdedo Cotobade forma parte dos catro proxectos piloto de Aldealix, dous en Galicia e dous no norte de Portugal. A iniciativa busca impulsar comunidades enerxéticas que empreguen biomasa forestal de proximidade para cubrir as necesidades térmicas de edificios e instalacións.

O proxecto está coordinado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e conta con financiamento do programa Interreg VI- A España- Portugal- 2021-2027, a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.