RÍAS BAIXAS> As Rías Baixas prepáranse para a xornada de folga xeral deste 11 de novembro. Nas nosas comarcas hai previstas mobilizacións en Pontevedra, Vilagarcía ou Ribeira. A crise da vivenda centra o eixo deste paro, pero a folga servirá tamén para reivindicar medidas para frear a carestía da vida ou reclamar mellores condicións laborais. Os sindicatos fan un chamamento aos traballadores a secundar o paro e participar nas distintas marchas convocadas para este mércores.
En Pontevedra, a xornada de folga xeral virá marcada por tres concentracións ao longo do día. A primeira delas partirá ás 11 da mañá da Peregrina. Trátase da mobilización convocada polo denominado comité unitario de folga, no que se integran a Acampada da Alameda, os sindicatos UXT, Comisións Obreiras, CUT e CGT e organizacións como o Colectivo pola Vivenda ou o transfeminista Fulanas.
A CIG marchará en solitario. En Pontevedra, cunha manifestación que sae ás 12 dende A Ferrería. A central nacionalista si se sumará xa á tarde a terceira das marchas que se van organizar na cidade, convocada polo Colectivo da Vivenda de Pontevedra.
Vilagarcía será outro dos puntos quentes desta folga xeral. A mobilización da CIG sairá ás 12 da casa do Mar. Media hora despois arrancará a marcha de CCOO e UXT, á que se suma tamén o Colectivo pola vivenda de Arousa.
No Barbanza, entre tanto, Ribeira será o escenario da única mobilización prevista para este 11N. Trátase da marcha organizada pola CIG.
Na capital barbanzá a protesta da central nacionalista partirá ao mediodía do Mercado Municipal.










