A Pobra descobre a faceta máis internacional de Valle-Inclán

    POBRA> O Valle-Inclán máis internacional protagoniza a exposición ‘Outros verbos, novas lecturas’, inaugurada esta mañá no museo da Pobra. A mostra, promovida polo Consello da Cultura Galega, é a primeira das actividades para conmemorar o cento cincuenta aniversario do nacemento do escritor. A exposición que recala na Pobra pretende reivindicar a figura de Ramón María del Valle-Inclán como estandarte da cultura galega. A pesar de non utilizar a lingua na maior parte da súa produción literaria, Valle-Inclán foi considerado como escritor atlántico, amplamente traducido a outras linguas e con importante presenza en países como Francia, Italia, Reino Unido ou a Europa do Leste. Este é precisamente o Valle que nos desvela esta exposición que se xa se pode visitar na Torre de Bermúdez. Ó longo de catorce paneis o visitante realiza un percorrido polos distintos países e culturas cos que Valle- Inclán estreitou lazos a través da súa obra. A vontade de colaboración entre a cátedra Valle-Inclán e o Consello da Cultura Galega fixo posible a realización desta mostra que chega a Galicia tras visitar cidades como Madrid, Roma ou Lisboa. A mostra permanecerá no museo pobrense ata o día dez de febreiro.