A Xunta Local de Protección Civil da Pobra aborda a prevención de accidentes no río Pedras

A POBRA> O concello da Pobra celebrou  a primeira xunta local de Protección Civil. Entre os temas da orde do día figuraba o incremento da prevención en materia de incendios forestais ou un plan de autoprotección para evitar accidentes nas piscinas naturais do río Pedras.

Os asuntos relativos coa protección civil que ata o de agora se abordaban na xunta local de seguridade pasan a ter un tratamento específico coa constitución da xunta local de Protección Civil da Pobra que esta mañá celebrou a súa primeira sesión. Ademais dos responsables do executivo asistiron representantes  da Garda Civil, Policía local, Agrupación de voluntarios de Protección Civil, bombeiros, distrito forestal e gardacostas. Abordaron, entre outros aspectos, as medidas a adoptar de cara ó verán co incremento da poboación e os dispositivos de prevención en praias ou o maior risco de incendios forestais.

Un dos puntos máis destacados foi a presentación dun borrador do Plan de AutoProtección na contorna das piscinas naturais do Río Pedras, xa que nos últimos anos rexistrou un incremento de accidentes na zona.

Tamén se abordaron os dispositivos especiais previsto para este verán coincidindo con datas sinaladas como, por exemplo, a procesión do Nazareno ou outros eventos festivos.