O PP de Boiro pide a convocatoria de axudas extraordinarias para os clubs deportivos

BOIRO> PP, BNG e Iniciativa Cidadá de Boiro presentan unha moción conxunta no Concello solicitando a celebración dun pleno extraordinario. Pretenden así que o equipo de goberno dea as explicacións oportunas en relación coa situación económica que padece o Club Boiro Voleibol, debido á falla de axudas por parte do Concello. Un problema, que ó parecer, se repite tamén con outras entidades deportivas do municipio, poñendo en serio risco a súa supervivencia.

O detonante para a presentación desta solicitude por parte da oposición foi o acontecido no pleno de abril cando o presidente do Club de Voleibol solicitou a palabra para denunciar a difícil situación que atravesa a entidade. Lonxe de obter resposta por parte do alcalde, os grupos da oposición critican a súa actitude autoritaria negándose a responder as cuestións formuladas e sen dar opción de intervir ó resto dos grupos. Por esta razón, urxen ó goberno a reunirse non só coa directiva do Rotogal senón co resto dos clubs locais para convocar unha serie de axudas que faciliten a súa continuidade.

Dende o PP indican que a pandemia provocou grandes problemas nos clubs do municipio que ademais da perda de patrocinios viron moi rebaixadas os seus ingresos procedentes da venda de entradas ó suspenderse as competicións. Así as cousas, entenden que o concello debe facer un esforzo dentro das súas posibilidades para atender as necesidades máis urxentes de cada un.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí