As rutas dos viños de Galicia abren as súas portas o 26 de maio

    ptac_xornada_rutas_vino100.jpgPONTEVEDRA> A xornada foi presentada esta mañá pola secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e polo presidente do C.R.D.O. Rías Baixas.

    {flowplayer}images/salnes/xornadas_rutas_vino.flv{/flowplayer}

    O vindeiro 26 de maio será xornada de portas abertas nas rutas dos viños de Galicia. Será a primeira vez que se organice unha actividade de enoturismo de xeito simultáneo e conxunto nos cincos grandes territorios vitivinícolas, entre os que se atopa a Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas. Durante esta xornada poderanse visitar 72 adegas e un total de 31 restaurantes ofrecerán menús enograstronómicos.

    No territorio da D.O. Rías Baixas, 21 adegas e 8 restaurantes adheríronse a esta xornada de portas abertas. O 26 de maio, ‘Día da Enograstronomía de Galicia’, como o bautizou José Ramón Meiriño, presidente do Consello Regulador de Rías Baixas, tamén haberá moitas propostas adicionais como visitas guiadas e gratuítas. A D.O Rías Baixas organizou, por exemplo, unha xornada de portas abertas no Museo do Viño de Cambados, e ademais establecementos de aloxamento como Casa Mariñeira de Lourdes e Lagar da Costa, de Cambados farán ofertas especiais. Outra proposta especial para o 26 de maio será o 1º Desafío Rías Baixas.

    Esta Xornada de Portas Abertas das Rutas dos Viños de Galicia enmárcase no Plan de Turismo Enograstronómico de Galicia, aprobado o 3 de maio polo Consello da Xunta. A estratexia é crear productos turísticos para reforzar a marca turística de Galicia. Precisamente, con esta xornada bota a andar o novo producto Paseando entre viñedos e o primeiro obxectivo é divulgalo entre os galegos.

    Carmen Pardo destacou que en galicia existen máis de cinco mil restaurantes e máis de 200 industrias agroalimentarias, das cales o 60 por cento son adegas. Con esta oferta, e coa promoción que poñen agora en marcha, considera que Galicia pode chegar a ser número un en destinos gastronómicos.

    Redacción Salnés