A Xunta destina oitocentos mil euros á mellora da travesía de Outes

    OUTES> A Consellería de Infraestruturas destinará oitocentos mil euros para incrementar a seguridade viaria na travesía de Outes. A actuación, que vén de ser publicada no DOG, dará comezo este mesmo ano. Consistirá na ampliación das beirarrúas e melloras nos cruces co obxectivo de adaptar a vía á súa nova condición urbana xa que se reduciu notablemente o tráfico dende a entrada en funcionamento da variante en 2011. Construiranse semiglorietas para facilitar os cambios de sentido e dotarase á vía de carrís centrais de espera. Nos treitos máis afectados procederase á renovación do firme. As empresas interesadas na súa execución dispoñen de prazo ata o dous de febreiro para presentar as ofertas.