Recuperado todo o aparello do ‘Sin Querer 2’

PORTO DO SON> Recuperado o aparello do ‘Sin Querer 2’, o cerqueiro con base en Portonovo que afundía o pasado mes de decembro a catro millas e media ó sur de Fisterra, na zona dos baixos de Meixide. No suceso perderon a vida catro mariñeiros de Cambados, un dos cales o seu corpo, aínda hoxe non foi recuperado.

Foi un veleiro que navegaba pola zona o que dou o aviso a Salvamento Marítimo da existencia de redes aboiando no mar. Desprazada ó lugar, a ‘Salvamar Regulus’ logrou recuperar onte parte do aparello do cerqueiro que se afundía o pasado 19 de decembro, trasladándoo ata a lonxa de Porto do Son onde permanece a día de hoxe custodiado. Era só unha parte pequena das redes que saíron á superficie. Salvamento Marítimo despregou esta mañá un novo dispositivo de emerxencia, desprazando á zona ó buque Irmáns García Nodal para tratar de retirar o resto do aparello que quedaba. A pesar de que o operativo era complexo, xa que as redes atópanse enganchadas ós restos do barco, dificultando as tarefas de rescate, lograban retirar a totalidade do aparello, ante o risco que isto podía supoñer para a navegación. A nova do afundimento do ‘Sin Querer 2’, cerqueiro con base en Portonovo, causou unha gran consternación, principalmente na vila de Cambados de onde eran os catro mariñeiros falecidos, un dos cales, aínda hoxe, non logrou recuperarse o seu corpo. Aquel día no porto de Porto do Son, onde se instalou un centro de recepción de familiares, vivíronse escenas de gran dor, pois foi alí a onde se trasladaron os cadáveres recuperados do mar para seren identificados polos seus familiares. A aparición agora do aparello do barco, volve reabrir feridas que parecían xa curadas.