O PSOE de Noia pide que se realicen as PCR no centro de saúde

NOIA> O PSOE de Noia solicita que se dote ó centro da saúde do municipio dos recursos necesarios para realizar PCRs. Os veciños evitarían así ter que desprazarse ata Santiago para someterse ás probas, minimizando así o risco de contaxio.

O grupo municipal socialista de Noia levará ó pleno deste mes unha moción para instar á Consellería de Sanidade a realizar as probas diagnósticas de covid no centro de saúde. O PSOE faise eco así das queixas recibidas por parte de varios veciños ante a obriga de desprazarse ata o Hospital Clínico de Santiago para realizar as PCR.

Aqueles cidadáns que non dispoñen de vehículo propio ou outro medio para desprazarse, deben viaxar en transporte público, unha alternativa pouco recomendable nos casos que presentan síntomas compatibles coa covid posto que se incrementa o risco de contaxio. Hai unas semanas, coñecíase o caso dunha parella que viaxou en autobús ata o centro hospitalario por indicación do SERGAS e finalmente deu positivo.

Ante esta situación, os socialistas piden a sanidade que descentralice o servizo e dote ó centro de saíde dos medios materiais e persoais necesarios para poder realizar estas probas. Tanto os veciños de Noia como das localidades próximas poderían someterse ás PCR nun punto do centro de saúde habilitado para tal fin, evitando así o actual risco para os posibles contactos que se producen durante o desprazamento ata Santiago, np caso de que finalmente sexan positivos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí