O BNG esixe a retirada do anteproxecto da Lei de Acuicultura

    BOIRO> O BNG avoga pola retirada do Anteproxecto de Lei de Acuicultura. Para o deputado nacionalista, Daniel Rodas, trátase dunha Lei claramente lesiva para os intereses do sector, que de aprobarse traería a ruína para os traballadores do mar. O BNG acusou á Xunta de querer dar prevalencia con esta Lei á acuicultura fronte ós modelos produtivos tradicionais como é o caso da pesca de baixura, o marisqueo ou a miticultura, da que vive directa ou indirectamente boa parte da poboación. Segundo o deputado Daniel Rodas o Anteproxecto fala da conversión das actuais autorizacións en concesións ás que terán dereito a concursar todo tipo de empresas, abrindo así a porta á privatización da xestión e explotacións dos nosos recursos marisqueiros. Por esta razón os nacionalistas, que xa presentaron unha proposición non de lei no parlamento, piden a súa paralización e que se establezan canles de diálogo co sector para consensuar un texto legal adecuado ás demandas do mesmo. A nivel local, en Boiro como en moitos concellos da zona, o BNG xa ten presentado unha moción para o se debate na vindeira sesión plenaria na que solicitan a retirada do anteproxecto. O propio Daniel Rodas ten previsto participar mañá sábado, ás once, no Teatro Coliseo Noela de Noia nunha charla informativa organizada polo BNG comarcal na que se afondará sobre o Anteproxecto de Lei de Acuicultura de Galicia.