O Umia sorprende cun novo desbordamento

    {flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/11/consecuencias_temporal.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/11/consecuencias_temporal.mp4{/flowplayer}

     

    SALNÉS> Na comarca de O Salnés, todas as miradas continúan pendentes do río Umia. Despois das inundacións da semana pasada, parecía que onte as augas volvían ao seu leito. Pero esta mañá moitos veciños erguéronse cunha sorpresa: moitas leiras e establecementos volvían estar asolagados, repetindo a estampa que nos deixara o temporal o venres.

    Imposible acceder ao seu restaurante. Esta é a imaxe que esta mañá se atopou Lourdes.

    Dende o venres, os propietarios da Parrillada Umia no concello de Meis loitan contra a forza do río. Trala enchente o baixo do establecemento está completamente inundado, provocándolles importantes perdas. Tamén temen a perda de clientes que lles poida ocasionar.

    Onte o nivel baixara e puideron abrir, pero pouco durou a tregua e hoxe volveron cancelar as reservas.

    Tamén levaron sorpresa no club náutico O Muíño de Ribadumia. A pesares de que o sábado non choveu na comarca, onte o Umia volvía desbordar. E hoxe repetíase a estampa do venres.

    Como na parrillada, o baixo do edificio está completamente inundado. Non cuantificaron perdas, pero contan con atopar material roto cando o río volva ao seu leito.

    En O Muíño sinalan aos xestores do encoro como os responsables destes asolagamentos. Critican que as aperturas das comportas se fagan sen previo aviso.

    Para os propietarios da parrillada Umia, a xestión do encoro tamén é, en gran medida, responsable do asolagamento dos seus locais. Pero ante a falta de solucións, resígnanse e agardan a que as augas volvan ao seu leito.