NOIA> A actuación, cun investimento duns 270 mil euros, permitirá a reordenación da contorna, entre a estación de servizo e a igrexa de San Bernardo.
Dez empresas optan á licitación do proxecto de mellora, reurbanización e humanización da estrada AC-311, nun tramo de aproximadamente uns catrocentos metros entre a gasolineira e a capela de San Bernardo. A obra, que será financiada pola consellería de Infraestruturas, conta cun orzamento duns 270 mil euros e un prazo de execución de 4 meses. Para o alcalde noiés, Santiago Freire, a actuación virá a dar resposta a unha importante demanda da veciñanza desa zona, xa que suporá unha reordenación e unha configuración máis urbana e humanizada para o barrio de San Bernardo, unha das entradas á vila.
As principais actuacións programadas incluirán o estreitamento dos carrís de circulación do tráfico rodado, ampliando as beirarrúas e executándoas nos treitos onde non as hai. Trátase de gañar espazo para as persoas, para facilitar os desprazamentos dos veciños, e garantir un tránsito peonil cómodo e seguro.
Os traballos prevén iniciarse xa no primeiro trimestre do 2019 para telos rematados antes do verán.









