Pontevedra suspende en accesibilidade

PONTEVEDRA> Mellorar o benestar de toda a sociedade Pontevedra é o fin que persegue a moción presentada polo grupo Marea Pontevedra para o seu debate en Pleno. Piden a elaboración dunha ordenanza municipal de accesibilidade universal e instar á Xunta a que desenvolva a Lei de Accesibilidade.

 

 

Imaxinen ter que deseñar unha ruta antes de saír da casa para ir a facer a compra ou ir ó teatro. Unha ruta pola que poidan viaxar seguros, e por suposto, chegar sen sufrir atrancos. Segundo o grupo Marea Pontevedra, esta é unha tarefa que día a día teñen que facer na cidade moitos pontevedreses que sofren algún tipo de discapacidade. Porque a ausencia de pasos de peóns adaptados, bordiños de beirarrúas sen o nivel axeitado para acceder coas súas cadeiras de rodas ou que non haxa baños adaptados nese edificio público son eivas que lles impiden circular e desfrutar da cidade en igualdade de condicións.

 

Marea sostén que os premios á mobilidade que está a recibir Pontevedra non son sinónimo dunha cidade funcional para persoas con discapacidade. De acordo ós datos barallados pola Xunta, no municipio existen 7.500 persoas con algún tipo de discapacidade recoñecida superior ó 33 por cento. Un motivo máis que suficiente para que o goberno local elabore unha ordenanza na que se asenten os principios de accesibilidade que deben guiar as instalacións e espazos públicos. Porque non se explica, din, que rúas céntricas de Pontevedra non conten con pasos de peóns adaptados, ou si os teña unha vía, e a paralela non. Ou que unha instalación como o Pavillón Municipal de Deportes careza de butacas reservadas para persoas con mobilidade reducida e de aseos adaptados. Marea solicitará tamén o apoio do pleno para instar á Xunta de Galicia a que desenvolva a Lei 10/2014 de Accesibilidade.

 

 

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/11/mareapontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/11/MOCION_MAREA.mp4{/flowplayer}