Os empresarios do ocio nocturno en Pontevedra denuncian que se están a perseguir as súas licenzas

PONTEVEDRA> Os empresarios do ocio nocturno de Pontevedra, en pé de guerra pola situación que atravesa o sector na cidade. Veñen de formar a plataforma Pontevedra de Noite para unirse ante a persecución que, aseguran, padecen dende hai anos. Afirman que o Peprica, Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística, aprobado no 2003 está obsoleto e dificulta a viabilidade das súas licenzas e locais. Por iso piden a todos os partidos políticos de Pontevedra que os escoiten na procura dunha solución.

Os empresarios do ocio nocturno de Pontevedra dan un paso adiante. Nace a plataforma Pontevedra de Noite e a través dela queren denunciar a persecución que, aseguran, levan anos sufrindo.

Refírense ao Peprica, Plan Especial de Protección e Reforma Interior e Conservación Artística, aprobado no 2003. Os empresarios sinalan a esta norma como a responsable de gran parte dos numerosos peches de locais de ocio nocturno da cidade.

Dende Pontevedra de Noite aseguran que a día de hoxe na cidade non hai máis de vinte licenzas para locais de ocio nocturno. Delas, ao redor de cinco estarían sendo revisadas.

Ante esta situación, fan un chamamento a todos os partidos políticos da corporación. Queren sentar e buscar unha solución que non os leve ao peche e á perda das súas licenzas, e reclaman o mesmo trato que, aseguran, teñen outros negocios hostaleiros.

Dende a plataforma desvencellan esta convocatoria das eleccións municipais do 28 de maio. Aseguran que o que os levou a facer público o problema é que a situación se fai cada vez máis insostible e temen polo futuro dos seus negocios.