Pontevedra habilitará o Auditorio do Pazo da Cultura para seguir en directo a gala dos Premios Feroz

PONTEVEDRA> Os veciños de Pontevedra poderán seguir a gala dos Premios Feroz dende o Auditorio do Pazo da Cultura, moi preto de onde se celebrará o evento. O concello habilitará o espazo para seguir a retransmisión en directo, con ao redor de 700 prazas. Xa adiantaron que, ademais, haberá varias sorpresas. Tamén se instalará unha carpa na parte superior do Recinto Feiral, na zona da alfombra vermella para que se poida achegar a veciñanza.

Pontevedra será o vindeiro 25 de xaneiro o escenario da gala dos Premios Feroz e o concello quere que a veciñanza participe o máximo posible. Por iso habilitaranse dous espazos no Pazo da Cultura para que a xente poida estar preto do evento.

Un deles será o propio auditorio. Alí retransmitirase a gala en directo. A intención é poñer a disposición dos veciños ao redor de 700 entradas. Son gratuítas e poderán retirarse na Oficina de Turismo de Praza de España dende o luns 13 ata completar aforamento.

O segundo espazo achegará aos veciños ao glamour da alfombra vermella. Será unha carpa instalada na entrada do Pazo da Cultura. O acceso será libre e por orde de chegada.

A gala reunirá no Recinto Feiral a máis de 1.300 persoas, entre elas ao redor de 200 do mundo do cinema e da televisión. Ademais, hai máis dun cento de xornalistas acreditados para a súa cobertura.

Gulías destacou tamén que por primeira vez a gala de entrega de premios será retransmitida en directo a través da segunda canle de Radio Televisión Española.