Descontento polos criterios para acollerse as axudas do libre marisqueo

    BARBANZA> Os patróns maiores arousáns consideran que, con este baremo, máis da metade das embarcacións afectadas quedarán fóra desta convocatoria de subvencións. O prematuro peche da campaña do libre marisqueo, previsto a partir do día dezaoito deste mes, levou á Consellería do Mar a habilitar unha liña de axudas de un coma oito millóns de euros para compensar ós profesionais afectados. Para acollerse a esta convocatoria, as embarcacións deben reunir unha serie de requisitos como acreditar cento vinte días de traballo nos bancos de libre ó longo de 2014 e 2015 ou ter xustificado o corenta por cento das vendas do libre marisqueo. A partir de aí, establécense outros baremos como o número de artes autorizadas de cada embarcación para priorizar o cobro das axudas. Preto de trescentas embarcacións de toda a ría poderían quedar excluídas do cobro das axudas segundo os cálculos do sector. Hai confrarías especialmente afectadas como o caso de Ribeira no que practicamente ningunha poderá acollerse ó paro biolóxico xa que a apertura do libre coincide co das súas concesións. Así as cousas, os mariñeiros ribeirenses acordaron non solicitar as axudas dado que deberían entregar o rol este mesmo venres pero non coñecerán a resolución da Xunta ata o mes de abril, co consecuente risco de quedar sen axudas e sen traballo durante dous meses.