A Garda Civil detén a tres boireses con 900 gramos de droga

    sucesoboiro_100_041207.jpgBOIRO > Axentes da Garda Civil de Boiro detiveron onte a tres veciños da localidade como supostos autores dun delicto contra a saúde pública.

    Trátase de J.I.T.D., J.A.M.O. e R.O.G., todos eles maiores de idade, ós que a Garda Civil sorprendeu en posesión de máis de 900 gramos de droga.

    Segundo informaron fontes da propia Garda Civil a detención realizábase na mediodía de onte cando unha patrulla identificaba en Escarabote ós ocupantes dun turismo. Despois desta primeira actuación, os axentes atoparon nun dos ocupantes do vehículo 854 gramos de hachís, 85 de marihuana e 395 euros en efectivo, polo que se procedeu á súa detención.

    Os feitos xa foron postos en coñecemento do Xulgado de Instrucción número 2 de Ribeira, a cuxa disposición xa se atopan os inculpados.

    Roubos nas obras da autovía

    Por outra banda, a Garda Civil tamén imputou esta pasada fin de semana a sete persoas, todas elas domiciliadas en Boiro e das que cinco son menores de idade, en dous delictos de roubo que se denunciaran recentemente ante o propio Instituto Armado.

    Así e segundo as investigacións realizadas polos axentes do cuartel da Garda Civil de Boiro, os agora imputados son os supostos autores, con diferente grao de participación, do roubo de diverso material cometido nas últimas datas nas obras que se levan a cabo na autovía, onde se substraeron diversas ferramentas propias da construción como focos halóxenos, radiais, taladros ou táboas de encofrado, unhas ferramentas que na súa maioría xa recuperou a propia Garda Civil.

    Fontes policiais consideran ademais que estas persoas estarían tamén implicadas no roubo de varios electrodomésticos e de efectos de imaxe e son perpetrado nunha vivenda de Boiro e que os axentes puideron recuperar na súa totalidade.

    Tanto os menores, cuxas idades oscilan entre os 15 e os 17 anos, coma os maiores, de idades comprendidas entre os 18 e os 21 anos, atópanse xa a disposición das autoridades xudiciais.

    {flowplayer}barbanza/sucesoboiro.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza