O BNG denuncia a privatización do servizo de monitores deportivos

    RIBEIRA> Segundo os nacionalistas, o equipo de goberno ten previsto contratar a unha empresa privada para dar este servizo durante os próximos catro anos por un importe de preto de 1’2 millóns de euros. O grupo municipal do BNG mostrou o seu total rexeitamento á proposta do equipo de goberno de privatizar o servizo de monitores deportivos que desempeña o seu traballo nas instalacións municipais. Segundo os nacionalistas a intención do goberno local non é outra que contratar a unha empresa privada para dar este servizo durante un período de catro anos. Para o BNG esta non sería a mellor fórmula. Por esta razón inciden na necesidade de manter este servizo público, propoñendo outra alternativa que pasaría pola convocatoria dun concurso de oposición público. Para confirmar a viabilidade da súa proposta os nacionalistas mesmo contactaron cos servizos xurídicos da Deputación da Coruña e tamén co propio secretario municipal que avalaron a súa alternativa. Os nacionalistas confían en que o resto de grupos que conforman a corporación municipal apoien a súa proposta, facendo así fronte común á decisión do equipo de goberno de levar adiante esta privatización.