POBRA> O pleno extraordinario foi solicitado polo Partido Popular para pedir explicacións polo retraso no inicio das obras de remodelación do polideportivo municipal de Venecia, pechado dende hai máis de dous anos.
O PP da Pobra carga de novo contra o executivo local, ó que acusa de ser o verdadeiro responsable do retraso no inicio das obras de remodelación previstas no pavillón municipal de Venecia, pechado dende hai máis de dous anos.
Segundo sinalan, unha vez que tiveron acceso a todo o expediente, constatouse como a tardanza no comezo da reforma se debeu a unha falla de dilixencia e de resposta por parte do equipo de goberno, e nunca da empresa adxudicataria, tal e como segundo sinalan dende o Concello querían facer ver.
Este vindeiro xoves, o PP intentará que o goberno municipal asuma as súas responsabilidades, esixindo respostas sobre os gastos adicionais que se ocasionarán e os prexuízos que, para as entidades deportivas e veciñanza en xeral está a ter o peche do polideportivo dende hai tanto tempo.