A voltas coa turbidez da auga

    NOIA> O executivo noiés continúa a traballar na busca dunha solución que poña definitivamente arranxo ós problemas de turbidez da auga existente en varias zonas da vila. Non é a primeira vez que acontece. Trátase dun problema bastante habitual nos últimos anos que se dá na rede de abastecemento de auga municipal cada vez que se producen chuvias intensas. O problema parece ser que vén derivado dun mal funcionamento na planta potabilizadora que fai que a auga chegue as casas cargada de turbidez. A pesar de realizarse xa melloras no subministro, entre elas unha auditoría dos sistemas eléctricos da planta na que se procesa a auga, a situación a día de hoxe aínda non se resolveu, a pesar de que dende o concello sinalan que están en vías de facelo. O alcalde Miguel Paz quixo tamén saír ó paso das declaracións realizadas dende o PP local por este asunto nas que solicitaba unha actuación urxente que puxera fin a estes problemas. Segundo el, o PP busca acadar un rédito político e aproveitarse para facer dano ó equipo de goberno.