A corporación mudará o regulamento

    SANXENXO> O voceiro do Partido Popular en Sanxenxo saíu satisfeito da reunión que a semana pasada mantivo cos demais portavoces. Segundo explicou Telmo Martín, as demais formacións amosáronse abertas a elaborar un novo regulamento para o funcionamento do concello; algo que ven demandando o PP dende o inicio do mandato. O único partido da oposición xa presentou esta mañá a súa proposta a prol, segundo explicaron, de máis transparencia e participación veciñal.

     

    A corporación de Sanxenxo traballará na elaboración dun novo regulamento. A petición do Partido Popular, os demais partidos amosáronse partidarios dun cambio.

    Os populares xa presentaron a súa proposta por rexistro. Nela contémplanse cambios no funcionamento dos plenos, como incluír a posibilidade de que nas sesións participen asociacións ou colectivos por medio dun voceiro, ou que as mocións propostas se traten primeiro nunha xunta de portavoces para despois incluílas na orde do día. Tamén inclúe a posibilidade de interpelar a concelleiros e alcalde.

    A proposta do PP tamén aposta por dar máis importancia ás comisións informativas, ademais de crear unha especial de suxestións e reclamacións. Sobre un dos temas máis polémicos, a proporción de concelleiros, Martín ve posibilidade de cambio.

    Trala reunión que mantiveron o xoves, os voceiros aprazáronse a un novo encontro para ir elaborando o novo regulamento, incluíndo as achegas de todos os partidos.