O cerco toma os concellos de Porto do Son, Bueu e Coruña

    BARBANZA> Armadores e mariñeiros de ACERGA permanecen pechados nos concellos de Porto do Son, Bueu e Coruña. como medida de presión para conseguir a revisión do reparto de cotas. Os cerqueiros ocuparon as casas consistoriais ante os escasos resultados da xuntanza celebrada a pasada tarde na Consellería do Mar, na que se propuxo establecer unha cota mínima de dez toneladas para os barcos máis pequeno. Tras acampar en San Caetano e recorrer o modelo de reparto ante os tribunais, os mariñeiros do cerco dan un paso máis co peche nos concello para demandar unha reasignación de cotas que permita a tódolos cerqueiros traballar en igualdade de condicións. Pasadas as oito da tarde do martes, unha trintena de armadores e mariñeiros de Portosín accedían á casa consistorial sonense, onde pasaron a noite, e permaneceron durante toda a xornada. O peche é, en principio, indefinido. Non marcharán ata conseguir que as administracións movan ficha para deseñar un novo reparto por tripulante con cupos diarios, descartando os criterios históricos que rexen na actualidade. Con este fin, desprazaranse este xoves ata Madrid onde terán unha xuntanza no Ministerio con representantes do resto das comunidades afectadas. Na actualidade, as embarcacións de ACERGA levan amarradas máis de dous meses en protesta pola falla de cota para pescar. Agardan chegar proximamente a un acordo para volver ó traballo cun mínimo de posibilidades de pesca garantidas.