O futuro do goberno de Noia segue no aire

    NOIA> A executiva de Noieses Independentes Agrupados mantivo unha xuntanza para tratar os temas que se levarán ó pleno do xoves, entre os que figura a moción de confianza ó alcalde plantexada polo PP. Malia que existen discrepancias internas no goberno, o partido manterá o próximo luns unha reunión co PSOE para abordar a nova situación creada tralo ofrecemento do PP para consolidar un goberno en maioría. A xuntanza celebrada pola executiva do NOIA evidencia que non hai nada decidido con respecto ó ofrecemento do PP para integrar un goberno en maioría, arrebatándolle a alcaldía ó PSOE. Se ben recoñecen a existencia de discrepancias internas na xestión do goberno municipal, a directiva do NOIA está disposta a reunirse cos socialistas, os seus actuais socios no executivo, para abordar a parálise administrativa que sofre o concello e analizar a nova situación creada a raíz da disposición do PP a presentar unha moción de censura. A pesar de recoñecer a existencia de discrepancias, José Pérez explicou que existe unha relación fluída cos seus socios no executivo posto que a día de hoxe conforman aínda un goberno en coalición. Será a executiva, tras escoitar os argumentos dos socialistas, quen deberá tomar unha decisión por maioría . Con respecto á moción de confianza presentada polo PP non se agarda sequera que se debata en pleno xa que debe ser plantexada polo propio alcalde. Precisamente Miguel Paz expresou a súa total indiferenza ante esta cuestión aínda que si expresou o seu malestar polo xeito dos populares de facer oposición.