Presentada a cuarta edición do Trail de San Alberte

RIBEIRA> Será a primeira cita do Arousa-Revolutrion Trail Series que organiza a asociación Arousa Natureza e Ocio en colaboración coa Mancomunidade de Municipios Arousa Norte. O próximo 31 de xaneiro coa disputa do Trail de San Alberte en Ribeira arrancará unha nova edición do Arousa –Revolution Trail Series. A cita organizada asociación Arousa Natureza e Ocio en colaboración coa Mancomunidade de Municipios Arousa Norte incorpora este ano importantes novidades. Unha delas será o desenvolvemento de tres probas máis que terán lugar en San Isidro na Pobra, o día 21 de febreiro, en Bealo Boiro, o 6 de marzo e en Castro Barbudo en Rianxo, o 3 de abril. A de Ribeira será a primeira das probas desta competición na que este ano poderán participar tamén as modalidades de equipos e parellas. Na presentación da carreira tamén tomou parte o corredor Lois Rodríguez, un dos máximos favoritos a facerse co trunfo final da proba. Segundo el este tipo de competicións non veñen máis que a aumentar o número de seguidores a este deporte, hoxe en auxe. O edil de Deportes, Anxo Orellán, destacou tamén a importancia deste tipo de probas, animando a veciños e forasteiros a tomar parte nela. A varias semanas para o desenvolvemento da carreira xa hai inscritas unhas oitenta persoas, un número bastante elevado de participantes, se ben na edición do pasado ano tomaron a saída uns 300 corredores. Para máis información ou inscrición os interesados poden consultar a páxina web www.arousa.com.