As Mareas fan fronte común contra a Lei de Acuicultura

    RIBEIRA> As Mareas da comarca do Barbanza están a organizar diferentes actos informativos sobre o anteproxecto da lei de acuicultura. A próxima cita será en Cabo de Cruz, onde presentarán ante o sector do mar unha norma que consideran moi lesiva para os seus intereses. As candidaturas municipais integradas na Marea volven facer fronte común, desta volta contra o anteproxecto da lei de acuicultura que pretende aprobar a Xunta de Galicia. Co obxectivo de afondar nos contidos desta proposta, convocaron diversos actos informativos nos que pretenden aclarar as consecuencias que suporía de aprobarse esta lei. A introdución de cultivos multitróficos implicaría, segundo os representantes destas organziacións políticas, danos irreversibles no ecosistema. Igualmente prexudicial sería a aplicación desta norma para as xa maltreitas economías dos produtores do mar. Os propios representantes dos mariñeiros apostan pola toma de medidas reais para acabar coa baixa produtividade das rías e mellorar a comercialización dos produtos en lugar de fomentar o cultivo de especies acuícolas. A pantasma da privatización dos bancos marisqueiros, xestionados ata agora polas confrarías, preocupa tamén ás Mareas que auguran que a futura lei abrirá a porta a que as grandes empresas se fagan cos recursos públicos naturais. Ademais de presentar mocións e sumarse ás mobilizacións para a retirada do anteproxecto, desenvolveranse diversos actos informativos. Este venres a cita será no centro social de Cabo de Cruz e o día 29 deste mes na Pobra.

    DEIXAR UNHA RESPOSTA

    Por favor, engade un comentario!
    Por favor, engade o teu nome aquí