O Trail Pico Muralla pasa de cinco a quince quilómetros na súa segunda edición

    RIANXO> A segunda edición do Trail Pico Muralla chegará a Rianxo o próximo vinte e tres de xullo. Este ano, a proba contará cun percorrido de quince quilómetros fronte ós cinco da pasada edición. A pesar da longa distancia deste ano, os organizadores insisten en que non se trata dun trail excesivamente complicado posto que os nove primeiros quilómetros transcorren por terreo cha. A proba sairá do peirao de Setefogas e discorrerá pola senda do río Té. O treito máis esixente comezará coa suba ó pico Muralla, o punto máis alto do municipio cun desnivel de seiscentos setenta metros. O percorrido e as impresionantes vistas dende o cumio fan deste trail unha proba moi atractiva. Nesta edición agardan superar o cento de participantes do pasado ano polo que animan ós corredores a sumarse á carreira. As inscricións poden realizarse na web www.emesport.es ata o día vinte de xullo.