Luz verde á ampliación da área de urxencias do Hospital

    RIBEIRA> O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz, asinaban esta mañá o convenio de colaboración que permitirá poder realizar esta actuación. A ampliación da área de urxencias do Hospital da Barbanza será pronto unha realidade. Tratábase dunha demanda de vello, tanto do persoal como tamén dos propios usuarios deste centro hospitalario. A actuación prevista permitirá dar unha mellor resposta e tamén unha máis rápida atención asistencial á veciñanza. A área que actualmente se destina ás urxencias, ó redor duns 650 metros cadrados, verase ampliada coa zona da explanada de acceso. As obras de reforma e ampliación desenvolveranse de forma sectorizada coa finalidade de reducir o impacto no servizo e manter o seu uso durante a propia execución das obras. A superficie total da actuación será duns 1.000 metros cadrados, grazas á ocupación dunha parte do espazo exterior de acceso ó propio hospital que se destinará a uso asistencial do servizo de urxencias, e tamén dunha zona exterior, que será destinada ó acceso das ambulancias. Unha vez rematada a actuación, a dispoñibilidade de camas de observación na área de urxencias do Hospital verase incrementada notablemente, facilitando así a actividade dos profesionais que traballan neste centro hospitalario, o que redundará, de seguro, no beneficio dos pacientes.