O Memphis de Rianxo gaña a Ruta de Tapas Arousa Norte

    RIANXO> A cafetería Memphis de Rianxo fíxose co primeiro premio do concurso de tapas da Mancomunidade Arousa Norte. O seu petisco de mar e terra conquistou os padais dos clientes que, cos seus votos, distinguírona como a mellor tapa dos trinta establecementos concursantes. O propietario da cafetería Memphis de Rianxo recollía esta mañá o primeiro premio do concurso de tapas Arousa Norte, consistente nun trofeo conmemorativo e catro vales de compra por valor de vinte e cinco euros cada un para mercar no comercio local. Os clientes distinguiron cun total de oitocentos noventa puntos á tapa elaborada polo local rianxeiro, unha orixinal proposta, denominada Petisco de Mar e Terra. Xunto ó Memphis completan o podio o Barbantia de Boiro, o Furancho de Rianxo, El Gourmet de Alján de Ribeira e o Moanín de Boiro. O éxito desta ruta de tapas pode cuantificarse con cifras: máis de oito mil euros na venda de tapas e consumicións. O obxectivo desta iniciativa, que se desenvolveu en novembro por primeira vez, é desestacionalizar o turismo na comarca a través da súa gastronomía.