Louzán non optará a presidir o PP provincial

PONTEVEDRA> Rafael Louzán non optará á reelección como presidente do Partido Popular da provincia de Pontevedra. Tras 16 anos á fronte da formación, o veterano político retírase para centrarse no seu labor á fronte da Federación Galega de Fútbol. Asegurou marchar convencido de que o seu substituto saberá manter a unidade no PP, e repetir os resultados históricos que acadou sendo el presidente.

Rafael Louzán despídese da presidencia do Partido Popular na provincia de Pontevedra. Tras 16 anos á fronte da formación, non presentará a súa candidatura no Congreso extraordinario do vindeiro 13 de marzo.

Na súa comparecencia, Louzán defendeu o feito de que estea a ser investigado no marco da Operación Patos, non influíu na súa decisión, que ven meditando dende que deixara a súa acta como deputado provincial tras perder a presidencia da Deputación.

Dos seus 12 anos como presidente da Deputación de Pontevedra, Louzán fixo unha valoración moi positiva. Un balance que, asegurou, cobra máis valor tralos primeiros meses de xestión do bipartito PSOE-BNG.

Tamén se referiu aos pactos entre diferentes formacións que fixeron que o Partido Popular perdera concellos históricos nas últimas eleccións. Neste eido, augurou cambios.

Sobre o seu futuro, seguirá ligado ao Partido Popular asesorando o grupo provincial, pero centrarase no seu papel como presidente da Federación Galega de Fútbol.

Dende hoxe, o partido abre un prazo de 12 días para que se poidan presentar candidaturas. Louzán asegurou que se trata dun proceso transparente, que marcará o arranque dun novo ciclo. Non deu nomes, pero agarda que o elixido saiba relanzar o Partido Popular.

A comparecencia de Rafael Louzán foi previa á reunión da Xunta Directiva Provincial do partido, que contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. A todos os asistentes, Louzán agradeceu o apoio recibido nestes anos.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/29/congreso_pp_pontevedra.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/01xaneiro/29/congreso_pp_pontevedra.mp4{/flowplayer}