A Deputación crea os premios Mulleres no Foco para poñer en valor o traballo das profesionais do audiovisual galego

[

PONTEVEDRA> Mulleres no Foco é o novo certame creado pola Deputación de Pontevedra. A iniciativa busca recoñecer e poñer en valor o traballo das profesionais galegas no mundo do audiovisual, un sector no que, aseguran dende a institución, as mulleres están infrarrepresentadas. Nestes premios, o goberno provincial conta coa colaboración da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Audiovisuais.

Nace en Pontevedra un novo certame de premios para o mundo audiovisual. Trátase de Mulleres no Foco, unha iniciativa que busca poñer en valor o traballo das profesionais galegas neste sector.

Con esta convocatoria créanse tres premios que recoñecen o papel da muller, dotados con 3000 euros cada un. A partires de mañá poden presentarse as candidaturas, que distinguirán perfís con perspectiva de xénero, activistas polo recoñecemento da muller no sector e impulsoras do emprego feminino no audiovisual galego.

Para poñer en marcha Mulleres no Foco, a Deputación conta coa colaboración da Asociación de Mulleres Cineastas e de Medios Auidovisuais. O colectivo destacou tamén a importancia de visibilizar ás profesionais deste sector.

Un xurado será o encargado de escoller as gañadoras entre as diferentes candidaturas que se presenten. Os galardóns entregaranse nunha gala pendente aínda de data.