O Concello de Poio céntrase na educación para loitar contra as violencias machistas

POIO> O Concello de Poio presentou esta mañá a súa programación con motivo da celebración do Día Internacional Contra a Violencia. Unha campaña centrada na educación e na que se pretende involucrar a toda a cidadanía.

O Concello de Poio súmase por cuarto ano consecutivo á campaña “En negro contra as violencias”. Unha iniciativa enmarcada no Día Internacional Contra a Violencia e que ten como obxectivo sensibilizar e concienciar a toda a cidadanía.

A campaña comezará o vindeiro día 18 e prolongarase ata o 27. Ademais da visibilización en redes sociais, o Concello de Poio céntrase este ano na educación.

O Concello de Poio celebrará tamén este ano unha andaina. Esta levarase a cabo o día 24, con saída ás 10:00 no Bosque das Mulleres en Lourido e con chegada, sobre ás 12:00 horas na praza da Chousa. Alí, o obxectivo é crear unha inmensa marea negra.

A programación enmarcada no Día Internacional Contra a Violencia continuará o día 25 cun minuto de silencio de toda a corporación municipal e o día 26 cunha moción que será presentada no pleno.

Para rematar esta campaña, o Concello celebrará unha mesa local de violencia de xénero, o día 27, e tamén participará, o día 28 nunca charla a cargo da Secretaría Xeral de Igualdade sobre agresións e violencia sexual.