PONTEVEDRA> Visita do secretario xeral confederal de Comisións Obreiras á fábrica de ENCE en Pontevedra. Unai Sordo achegouse ás instalacións de Lourizán para falar cos comités de empresa e amosarlles o seu apoio na loita por manter a factoría aberta. Recordemos que a continuidade da pasteira depende dunha decisión do Tribunal Supremo para a que non hai data.
O secretario xeral confederal de Comisións Obreiras visitou esta mañá a fábrica de ENCE en Lourizán. Unai Sordo manifestou o seu apoio aos traballadores na loita por permanecer en Pontevedra.
Así as cousas, Sordo recorda que existe un proceso xudicial aberto polo que hai pouca marxe de actuación. O Tribunal Supremo ten que pronunciarse sobre a legalidade da prórroga da concesión que lle permitía manterse en Lourizán, en dominio público marítimo terrestre.
O líder de Comisións Obreiras defendeu que é necesario facer compatible o cumprimento das normativas ambientais e dos límites de emisións coa actividade produtiva e a creación de emprego.
Sobre o futuro da factoría, a presidenta do comité de oficinas de ENCE volveu insistir: o traslado non é unha opción.
Por iso os traballadores agardan que a sentenza do Tribunal Supremo lles sexa favorable e permita a ENCE continuar en Lourizán.