A Marea de Noia propón un goberno de coalición con PSOE e BNG

    NOIA> A Marea Cidadá de Noia postúlase para entrar no goberno municipal en coalición co PSOE e o BNG. Propoñen así unha alternativa a un posible goberno encabezado polo PP e apoiado polos edís de Noieses Independentes Agrupados. A dimisión de Marisol Villar abre un novo escenario político en Noia que require dos movementos doutras forzas. Así, a Marea Cidadá acordou en asemblea ofrecerse para entrar nun goberno municipal en coalición con PSOE e BNG e apoiado polo NOIA dende a oposición. Polo momento, esta hipotética coalición de esquerdas estaría aínda por perfilar xa que o BNG plantexou incluír ó NOIA neste futuro goberno, algo que desbotan dende a Marea. Nos próximos días seguirán achegando posturas co fin de chegar a un acordo que impida o acceso do Partido Popular ó goberno tras semanas de rumores sobre a presentación dunha moción de censura apoiada polos independentes. Dende a Marea teñen claro a necesidade de traballar en conxunto por un goberno estable que permita desbloquear a paralización administrativa que sofre o concello.