Para o BNG o Servizo de Gardacostas debería encargarse da vixilancia nas praias

    BARBANZA> Os nacionalistas presentarán na Cámara Autonómica diversas preguntas nas que solicita información sobre o traballo que desempeña actualmente o Servizo de Gardacostas. O deputado do BNG, Daniel Rodas, considera que cada vez está a ser máis habitual, por desgraza, episodios de enfrontamento entre furtivos e vixilantes das confrarías ou mesmo con mariscadores, como ten acontecido ultimamente na Pobra do Caramiñal e Cabo de Cruz. Esta situación está a provocar un clima de indefensión por parte dos pósitos, que en moitas ocasións, pola falla de vixilancia, se ven abocados a acudir ás forzas e copos de seguridade do Estado. Segundo o nacionalista este problema escenifica perfectamente o fracaso das políticas de emprego do actual Goberno Galego, especialmente as de inserción social, máis tamén pon de manifesto outro aspecto importante: a función que desempeña actualmente o servizo de Gardacostas. Para os nacionalistas debería ser este órgano o que se encargara da vixilancia nos areais. Neste sentido, Rodas alude ós 13 millóns de euros dos que dispón este Servizo, dependente da consellería do Medio Rural e do Mar, de presuposto, aínda que boa parte dese investimento vai parar a empresas privadas. Daniel Rodas vai máis alá ó criticar a xestión que está a facer a consellería do Mar deste problema, que en lugar de actuar, trata de pasarlle a pelota ás confrarías e ós propios mariscadores, para que sexan eles os que se encarguen dos labores de vixilancia nos areais. Entre outras cuestións o deputado nacionalista interesarase no Parlamento polas medidas que ten adoptado o Servizo de Gardacostas para rebaixar o furtivismo ou se o número de membros deste corpo, especialmente nas sedes de Ribeira e Vilaxoán, é suficiente para afrontar esta situación.