{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/02/incendio_ferreria.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/02/incendio_ferreria.mp4{/flowplayer}
PONTEVEDRA> Un impresionante incendio devorou onte un edificio en pleno casco histórico de Pontevedra. As lapas detectáronse ao redor das nove menos vinte da noite, pero os traballos de extinción prolongáronse ata ben entrada a madrugada. O lume arrasou con dúas tendas e un estudo fotográfico que ocupaban o inmoble da rúa Michelena e os soportais de A Ferrería, e aínda que foi preciso desaloxar os edificios do entorno, non houbo que lamentar máis danos. Esta mañá, a Policía Científica investigaba sobre o terreo as posibles causas.
Ás nove menos vinte da noite, a Policía Local recibía o primeiro aviso: un veciño que paseaba pola rúa Michelena vira fume saíndo do edificio. Automaticamente, púxose en marcha o protocolo en caso de incendio.
No interior, o incendio xa estaba xeralizado. Foi entón cando os medios auxiliares comezaron a atacar as lapas dende a fachada dos soportais da Ferrería, onde as lapas eran voraces, alimentadas polas teas da tenda A Moda Ideal e o material do estudo de fotografía do piso superior.
Que as tarefas de extinción comezaran pola rúa Michelena, foi unha das críticas máis oídas contra os bombeiros, pero a concelleira de Seguridade Cidadá defendeu o seu labor e asegurou que foron profesionais, rápidos e eficaces.
Silva entendeu o enfado dos propietarios, que achacou á preocupación polo estado dos seus negocios. Non así as críticas que chegaron dalgúns cargos públicos, que falaron de descordinación.
Ao redor das 11 menos dez da noite, os bombeiros daban o lume por controlado, aínda que os traballos para arrefriar a estrutura e os restos continuaron ata as tres e media da madrugada. Unha hora despois, concluían os primeiros traballos de limpeza e levantábase o cordón de seguridade, que se mantivo nas fachadas de A Ferrería e da Michelena.