A Marea denuncia a existencia dunha posible ‘caixa b’

    NOIA> O alcalde, Miguel Paz, decidiu abrir unha investigación para determinar as posibles irregularidades cometidas pola edil Marisol Villar na organización dunha excursión a Benidorm. Á espera da celebración do pleno extraordinario no que se debatirá a moción de censura, previsto para este próximo mércores, unha nova polémica volve salpicar ó concello esta semana. Nesta ocasión a denuncia parte da Marea, ó denunciar as presuntas irregularidades cometidas pola entón edil de Relacións Veciñais, Marisol Villar, na xestión dunha viaxe a Benidorm o pasado mes de outubro. Esta mañá tiña lugar unha comisión informativa para abordar precisamente este asunto, que quedou novamente convocada para para mañá martes. Dende as filas socialistas, socios ata o de agora do Noia no goberno municipal, consideran que, de confirmarse, é un feito o suficientemente grave, chegando mesmo a pedir a súa dimisión coma edil. Unha opinión que tamén comparten dende o BNG. Dende o Partido Popular consideran que se trata dun feito grave que convén aclarar. Aínda así sospeitan que era unha práctica bastante habitual do actual goberno municipal e que se daba ademais noutros departamentos. Segundo o voceiro popular, Santiago Freire, trátase máis ben dunha cortina de fume para crear polémica e tratar de tapar a súa nefasta xestión. A pesar dos reiterados intentos, esta redacción non foi quen de poñerse en contacto coa edil Marisol Villar co fin de coñecer a súa opinión sobre a denuncia.