RIBEIRA> A Policía Nacional investiga o suceso acontecido a pasada noite no cemiterio parroquial de Castiñeiras, en Ribeira. Un grupo de descoñecidos accedeu ó camposanto e profanou sete sepulturas. Foron os veciños os que deron a voz de alarma a primeira hora da mañá ó atoparse coa dramática escena.
Tumbas abertas, caixas fúnebres tiradas polo chan e mesmo restos óseos esparexidos polo camposanto. Este foi o dramático escenario con que se atopou unha veciña da parroquia de Castiñeiras, en Ribeira, cando esta mañá se achegou ata o cemiterio do Bo Pastor.
Inmediatamente deu aviso á Policía Nacional que procedeu a precintar o recinto e iniciou a toma de mostras para dar cos autores dos feitos. O primeiro paso foi identificar ás familias titulares das tumbas e nichos profanados, para o que precisaron da axuda dalgúns veciños do lugar, que horas máis tarde aínda non conseguiran repoñerse do presenciado.
A pesar de que a primeira hora da tarde xa deran aviso a tódolos afectados, as inmediacións do cemiterio rexistraron durante toda a xornada un constante ir e vir de xente que acudían na busca de información por se algún dos seus defuntos fora obxecto dos actos vandálicos.
Si resultou afectada, por exemplo, a familia desta veciña que, ademais da dor pola profanación da sepultura, amosaba a súa indignación ante a posibilidade de ter que facerse cargo dos gastos polos danos ocasionados.
A policía traballa na investigación dos feitos para esclarecer os motivos que puideron levar a tan terrible suceso. Polo momento, non se descarta ningunha hipótese.