Numerosos concellos conmemoraron o Día de Rosalía

    POBRA> Na vila probrense deuse lectura a unha declaración institucional e procedeuse á realización dunha ofrenda floral. Dende hai varios anos, a través dunha iniciativa promovida pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, son cada vez máis concellos os que conmemoran este 24 de febreiro, coincidindo coa data de nacemento da autora de Cantares Gallegos, coma o Día de Rosalía. Durante esta xornada e días posteriores celébranse diversos actos que teñen como principal finalidade homenaxear e ensalzar a figura desta escritora. Na Pobra do Caramiñal deuse lectura dunha declaración institucional. Noutros concellos coma Ribeira desenvolveuse un espectáculo literario-musical, en Boiro un concerto didáctico e en Noia unha lectura pública de textos da autora padronesa. En Rianxo os actos programados desenvolveranse o venres. Ese día terá lugar unha ofrenda floral ás sete da tarde diante do monumento a Rosalía de Castro no paseo da Ribeira, procedéndose despois a un recital a cargo dos alumnos do IES Félix Muriel. Ese día, ás oito e media no auditorio, terá lugar tamén a presentación da edición crítica de Follas Novas da que é autor Anxo Angueira.