BOIRO> O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración visitou a praza de abastos de Boiro para entregar o selo de mercado excelente. A instalación xa forma parte da rede autonómica de mercados que contan con esta distintivo de calidade.
A praza de abastos de Boiro vén de adherirse á Rede de Mercados Excelentes de Galicia. O concello realizou unha forte aposta inversora para dotar ás instalacións dos servizos e equipamentos necesarios para facerse con este selo de calidade que recoñece a máxima excelencia tanto no produto, como a atención e o bo trato.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración desprazouse ata Boiro acompañado do director xeral de Comercio para facer oficial a entrega deste distintivo. Alí destacou a aposta autonómica por converter as prazas de abastos en centros dinamizadores do comercio de proximidade como motores económicos das vilas.
A praza de abastos boirense conta cunha vintena de postos que veñen de integrase na recentemente constituída asociación de praceiros. Todos contribuíron á obtención deste recoñecemento que, agardan, siga a atraer clientes e dinamizar o comercio local.
O de Boiro é o oitavo mercado que se adhire a esta rede. O obxectivo da Consellería é seguir ampliándoa ata chegar a 25 no ano 2030.











