Si á ampliación da dársena exterior de Ribeira

    Xunta de Galicia incluirá a ampliación da darsena exterior de Ribeira nos presupostos para o ano que vén, cunha partida de 11’6 millóns de euros.

    O parlamentario do PSOE pola Comarca do Barbanza, Xosé Manuel Lage Tuñas, e o voceiro do Grupo Municipal desta mesma formación política en Ribeira, Xosé Vicente Domínguez, compareceron en rolda de prensa para anunciar que a Xunta de Galicia incluirá para os presupostos do ano 2006 unha partida de 11’6 millóns de euros para a construción da darsena exterior de Ribeira. Esta cantidade é a inicialmente prevista para acomete-la obra no seu conxunto aínda que o deputado socialista non descarta a posibilidade de que se incremente a cifra se os estudos que está previsto realizar en breve así o determinan.Deste xeito, Xosé Manuel Lage Tuñas, vén a saír ó paso da enorme polémica suscitada en Ribeira despois do anuncio do Presidente de Portos, Vicente Irisarri, de que non existía nos presupostos para o ano que vén unha partida destinada a ampliación do porto comercial. Lage Tuñas afirmou enerxicamente que o partido socialista está comprometido coa obra da dársena ribeiresa, sendo á vez moi crítico con membros do PP que afirmaron que se paralizara o proxecto.

    O parlamentario socialista foi máis alá ó sinalar que vai presentar unha pregunta parlamentaria sobre os documentos existentes dende o ano 1.999 en relación ó porto ribeirés, lembrando que a actuación xa fora anunciada no ano 2.000 polo daquela Conselleiro de Política Territorial, Xosé Cuíña Crespo, e que estivo figurando nos presupostos do Goberno Galego ata o ano 2.005 sen que se fixera nin sequera un estudo de impacto ambiental. Pola súa banda o voceiro do Grupo Municipal do Partido Socialista en Ribeira, Xosé Vicente Domínguez, foi moi crítico co executivo local que preside Xosé Luís Torres Colomer ó que culpou de non preocuparse polos intereses de Ribeira.

    Xosé Vicente Domínguez fixo referencia a unha moción presentada polo seu grupo no mes de xaneiro co fin de estuda-las posibilidades e os inconvintes deste proxecto e que foi rexeitada polo goberno ribeirés.