As políticas turísticas enfrontan a PP e PSOE

PONTEVEDRA> As políticas en materia de turismo enfrontan a Partido Popular e Partido Socialista na Deputación de Pontevedra. Para os populares, o actual goberno está a abandonar un eido estratéxico para a economía da provincia; para os socialistas, o seu executivo está a elaborar unha planificación onde antes non a había, ademais de solucionar problemas e deficiencias herdadas dos seus predecesores.

 

Ao Partido Popular provincial non gusta a política do actual goberno en materia turística. O anterior responsable desta área, José María Figueroa, acusaba ao executivo de Carmela Silva de esquecer este campo, estratéxico para a economía da provincia.

Figueroa destacou o esforzo que, nos goberno de Rafael Louzán, se realizou en materia turística. Por iso, os populares levarán a pleno as cuestións relacionadas co sector.

A resposta do Partido Socialista ás críticas non se fixo agardar. O voceiro do grupo provincial cualificou de “vergoñenta” a intervención de Figueroa.

A xestión das Pousadas do Salnés ou a ausencia dun proxecto para pór en valor dezaoito xacementos arqueolóxicos da provincia, foron algunhas das cuestións que Santos Héctor botou en cara ao anterior executivo.

O voceiro socialista tamén anunciou que o seu grupo levará a pleno dúas mocións dirixidas ao goberno da Xunta: unha para pedir que dote as escolas de primaria de tablets e outra para que solucione os problemas detectados polos veciños en varias estradas da provincia da súa titularidade.

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/18/pp_psoe_depo.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/18/pp_psoe_depo.mp4{/flowplayer}