Sanxenxo comezará a pagar as fincas de O Revel

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/18/sanxenxo_terreos_revel.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2016/02febreiro/18/sanxenxo_terreos_revel.mp4{/flowplayer}

 

SANXENXO> O concello de Sanxenxo pega un último empurrón ás xestións para facerse cos terreos que ocupará o futuro colexio de O Revel, en Vilalonga. Este mediodía, a corporación aprobaba por unanimidade a resolución das alegacións ao proxecto de expropiación. Agora, o goberno convocará aos propietarios das 33 fincas afectadas para facer os pagamentos, e calcula que nun prazo de dous meses porá os terreos a disposición da Xunta de Galicia.

Nun prazo máximo de dous meses, a Xunta de Galicia disporá dos terreos para a construción do novo colexio de O Revel. Cando menos, esa é a intención do goberno local. Esta mañá, a corporación aprobaba por unanimidade a resolución das alegacións ás expropiacións.

As expropiacións afectan a 33 fincas que suman máis de 22.000 metros cadrados de terreo e polos que o concello desembolsará 158 mil euros para sufragar as expropiacións. Aí a Consellería de Educación construirá un centro que leva comprometido dende o 2005 e que nesta lexislatura se retrasou, segundo o Partido Popular, pola vagancia do goberno actual.

Martín asegurou que un informe do concello fixaba o 16 de decembro como data para pagar aos propietarios dos terreos as expropiacións. Por iso criticou que aínda non se dera este paso.

Segundo o alcalde, o atraso debeuse a unha alegación que aseguraba que dous dos terreos que se ían expropiar xa eran propiedade do concello, en virtude dun convenio asinado no 2007. Tras revisar o expediente, o goberno comprobou que o executivo anterior consideraba non válido ese convenio pero, tras solicitar novos informes, decidiron dar luz verde ao documento.

Para Gonzalo Pita esta xestión é unha mostra da responsabilidade do executivo local, xa que a validez do convenio evitou ao concello a devolución de máis de 600 mil euros por eses terreos.