Poio espera recibir 200.000 visitantes na Festa do Mar

presentacionfestadomar_100_040806.jpgPOIO > Do 17 ó 27 de agosto, Poio acollerá unha nova edición da Festa do Mar. Entre os atractivos da festa, destaca no apartado musical o concerto do venezolano Carlos Baute o martes 22 de agosto ou a xa tradicional mostra gastronómica no Peirao de Combarro, cunha ampla variedade de produtos do mar. A organización espera superar os 200.000 visitantes do pasado ano.

presentacionfestadomar__300_040806.jpgA sexta edición da Festa do Mar de Poio incrementa o presuposto do pasado ano en 30.000 euros, chegando á cifra récord para esta festa de 230.000 euros. Entre os atractivos do evento destaca un ano máis Mare, a feira de mostras das Rías Baixas, que permanecerá aberta tódolos días, ó igual que a festa gastronómicas co prezos asequibles para un menú degustación moi variado.

O Club Mariño a Reiboa organiza un ano máis a décimo segunda concentración de embarcacións tradicionais, que terá lugar na última fin de semana de agosto. A Vargas Blues Band o día 19, Berrogüetto o día 20 ou o Grupo A Roda porán a nota musical á festa, na que destaca a actuación de Carlos Baute nun concerto gratuíto que terá lugar o día 22 de agosto ás 11 da noite no Peirao de Combarro.

Este ano tamén haberá visitas guiadas á Illa de Tambo tódolos días. As saídas terán lugar ás 10 da mañá, ás 11, ás 12 e á unha dende o Peirao da Canteira. A festa está complementada con actividades diarias alternativas, como bautismos de mergullo, waterpolo, concursos de pesca ou de veleiros por radio control.

Redacción Salnés