O executivo muradán saca adiante os presupostos co apoio do PP

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/26/plenoorzamentosmuros2601151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/01xaneiro/26/plenoorzamentosmuros260115.mp4{/flowplayer} MUROS> A sesión estivo marcada pola polémica, cun novo enfrontamento entre a alcaldesa, Caridad González, e os non adscritos, que supuxo a expulsión de dúas edís deste grupo: María Sambade e a propia voceira, María Xosé Alfonso. Pleno tenso o vivido este mediodía en Muros, cun novo enfrontamento entre a alcaldesa, Caridad González, e o grupo de non adscritos, que derivou na expulsión de dúas edís deste grupo. A corporación reuníase en sesión plenaria con carácter extraordinario para debater, entre outros asuntos, os orzamentos municipais para este ano. Foi precisamente neste punto onde se produciu o cruce de acusacións. A rexedora decidiu expulsar á edil María Sambade, despois de varios avisos á orde, ó considerar que estaba interrompendo a súa intervención…Posteriormente, e antes de someterse a aprobación este punto, foi a propia voceira do grupo dos non adscritos, María Xosé Alfonso, a que sufriu tamén nas súas propias carnes a expulsión do salón de plenos… Con anterioridade, no seu turno de intervención, María Xosé Alfonso puxo de manifesto a súa disconformidade coa convocatoria da sesión, segundo ela, a destempo e nun horario pouco afortunado. Cualificou ademais o documento orzamentario de improvisado e falto de planificación, criticando o escaso investimento destinado a Servizos Sociais Distinta opinión a do outro grupo da oposición, o Partido Popular, que decidiu apoiar o orzamento, ó incluírse nel diversas obras nas que os populares tiñan adquirido no seu día compromisos cos veciños. Pola súa banda a alcaldesa Caridad González destacou a importancia destes presupostos que acadan a cifra dos 6’5 millóns de euros. Segundo ela trátase duns orzamentos realistas e moi austeros, nos que se teñen en conta as medidas de aforro e recortes sufridos dende outras Administracións, cunha redución importante da débeda. Negou que se producira unha baixa na partida a Servizos Sociais, todo o contrario; cargando contra o executivo anterior, formado por nacionalistas e populares, que deixaron o concello cunha importante débeda a acredores, que posteriormente eles tiveron que asumir. Con anterioridade na sesión tamén se aprobou a declaración de nulidade do edito de corrección de erros do documento de aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municipal e unha moción de condena ó ataque terrorista de París.